No ronsel de Tolkien

De Roberto A. Rodrigues (Matamá, Vigo, 1977) sabía por algúns interesantes relatos aparecidos en volumes colectivos. Neles apuntaba xa o oficio de quen sabe contar historias e consegue aquelar atmosferas propicias para engaiolar coa intriga dos argumentos e o misterio do que ha de sobrevir.

Ese narrador que Rodrigues leva dentro esponxou nun proxecto maior: a elaboración dunha triloxía de fantasía épica —Os abismos da noite eterna— da que xa está no mercado a primeira entrega: O morador da fenda.

Publicada no seo da colección Contos Estraños-Novela de Urco Editora, a narración de Rodrigues camiña no ronsel das mellores do xénero, servíndose con proveito dos recursos propios das obras desta natureza, onde elementos como a presenza do sobrenatural, os seres malignos, os mapas de territorios ignotos, os obxectos máxicos e/ou simbólicos e os heroicos guerreiros configuran un escenario épico no que as forzas do ben e do mal libran a súa batalla.

O lectorado atento seguidor deste tipo de relatos poderá apreciar doadamente as moitas homenaxes que á obra de J. R. R. Tolkien hai na escrita de Rodrigues, intertextualidades que igual se estenden ao nome de personaxes que á caracterización dos mesmos, evidentemente tamén aos motivos, símbolos e solucións narrativas de moitas das lazadas que ao longo do libro se anoan.

Os abismos da noite eterna. O morador da fenda é unha proposta moi de agradecer no panorama narrativo galego do momento, falto de títulos que se sumen aos de Gallego Abad, Cimadevila & Co. para crear un lectorado de base, afecto á escrita de aventuras, pero que poida tamén ir peteirando despois aquí e acolá en convites alternativos. Neste sentido, o esforzo de Roberto A. Rodrigues colmará os degoros dos que anden na procura de acción trepidante e heroicidades sen fin, que disto hai, e en abundancia, nesta súa novela da que vos deixo a seguir o seu estupendo tráiler.