Valentín Paz Andrade e James Joyce

Un dos aspectos no que menos se ten reparado respecto da poética de Valentín Paz Andrade é o da súa asunción dos influxos da mellores tradicións literarias foráneas. Un exemplo notorio do que afirmo é o seu poema “As ovellas de Joyce”, no que o escritor pontevedrés propón un xogo intertextual moi elaborado que emparenta os seus versos cos da obra do autor dublinés.

En efecto, o amentado poema ábrese cunha cita traducida do célebre Finnegans Wake que pertence á primeira parte do segundo episodio deste libro. O que segue é un poema en dúas seccións que pode lerse como unha sorte de fábula antropomorfizada de carácter universal, mais tamén como unha alegoría en clave patriótica. En esencia, a poesía de Paz Andrade é unha crítica á pasividade das ‘ovellas’ ás que axexa o ‘lobo’, ovellas que se delatan polas súas propias chocas, deixando así o camiño expedito ao seu natural depredador.

O poema insírese no libro Cen chaves de sombra (1976) e formula dous interrogantes: ¿como chegou Paz Andrade ao coñecemento da escrita de Joyce e por que lle interesou, xustamente, este fragmento do Finnegans Wake?

Ao primeiro responderíase lembrando toda a tradición empática que os autores de Nós despregaron con Joyce: tradución histórica dos fragmentos do Ulysses por Otero Pedrayo, influxo do irlandés en textos deste e Risco… E tamén é fundamental, xaora, a súa abondosa presenza en Grial, publicación de cabeceira (por amizade e afinidade) para Paz Andrade, así como nalgún longo ensaio do seu amigo García Sabell.

Agora ben, coido que o coñecemento máis profundo da obra joyceana lle veu ao pontevedrés durante as lecturas preparatorias para a monografía A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978), pois foron varios os analistas (Willi Bolle, Oswaldino Marques, Ariano Suasuna, mesmo H. A. Murena en Grial) que sinalaron influencias de Joyce no brasileiro.

Canto á segunda das cuestións, entendo que é a presenza do personaxe do lobo Isemgrim na cita o que dá a razón do interese: grazas a el os versos de Paz Andrade enxertan coa máis graúda tradición occidental, que preconfigura este lobo humanizado na Ecbasis captivi (c. 940), se amenta por vez primeira na obra homónima do poeta Nivardo (c. 1148-1153), se fai admirable literatura no Roman de Renart (fins do s. XII) e alcanza logo moitos outros grandes nomes, entre eles os irmáns Grimm.

Por tanto: a poesía de Paz Andrade amosa aquí, baixo a aparencia dunha inxel simplicidade, un xogo de intertextualidades e lecturas múltiples que non só a unen á obra de James Joyce, senón que a sitúan, asemade, no ronsel da máis brillante literatura europea.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 17-5-2012]