A supernova Manuel Antonio

De cando en vez —moi de cando en vez— a investigación literaria en Galicia sorpréndenos coa descuberta de materiais que permanecían ignorados, extraviados ou, simplemente, non eran accesibles. Cando iso sucede prodúcese unha revelación, unha sorte de impacto meteórico que combustiona iluminando o noso ceo literario co seu fulgor.

Pois ben, recentemente ten acontecido un deses estouridos. Mais non se trata dunha pirotecnia calquera, non vaian pensar. Neste caso pódese dicir, sen medo a errar, que estamos ante a contemplación dunha supernova exhumatoria que case nin eramos quen de imaxinar. Refírome á publicación da nova Obra completa do escritor rianxeiro Manuel Antonio, da que apareceu o primeiro dos cinco volumes que se proxectan (dedicado nesta ocasión á Prosa) nunha moi coidada edición que inaugura a colección Clásicos da Academia da RAG.

O responsable desta histórica publicación non é outro que o estudoso secretario da amentada institución, o profesor Xosé Luís Axeitos, auténtica auctoritas na biobibliografía do poeta vangardista, sobre o que leva publicado ducias de traballos.

Grazas á cesión dos fondos manuelantonianos que obraban na Fundación Barrié de la Maza (coeditora desta opera omnia), Axeitos puido descubrir case unha corentena de escritos en prosa do autor de De catro a catro, amais dunha trintena de traducións debidas á súa pluma.

No que di dos textos prosísticos, Axeitos clasificou estes en dúas seccións: unha primeira dedicada á “Prosa literaria”, da que forman parte algúns comezos de novelas inconclusas e diversos relatos curtos, á parte dalgúns apuntamentos en forma de dietario; e un segundo bloque centrado na “Prosa ensaística”, no que figuran escritos de tema literario e cultural (por exemplo, o famoso manifesto Máis alá!, que se reproduce a partir do orixinal manuscrito, ou o coñecido “Prólogo d’un libro de poemas que ninguén escrebeu”, mais tamén outras achegas das que non sabiamos, como a dedicada a “Os epígonos valleinclánicos”, as reflexións “Encol d’a metáfora” ou as “Notas sobre arte popular”, por citar só algunhas mostras), pero onde poden atoparse tamén textos de natureza política (ben de carácter práctico e local, como os que se ocupan dos problemas da gobernación municipal rianxeira, ben de xorne máis teórico e xeral, como os referidos ao “Patriotismo”, “O Estado” ou os que proporcionan unha “Leución d’Hestoria”).

Pola súa banda, o acervo de traducións amosa igualmente un grande interese, pois Manuel Antonio deixou versionados textos dos máis grandes simbolistas e vangardistas franceses, alén dalgúns outros escritos teóricos sobre eses movementos, o que demostra non só o seu coñecemento directo da revolución estética e poética que se estaba a producir en Europa naquela altura, senón que tamén pode ofrecer pistas certeiras para unha análise de influencias na súa creación.

Xenios da literatura en lingua francesa como Apollinaire, Éluard, Peret ou Verlaine falan por boca de Manuel Antonio, como tamén o fan outros mestres da narrativa anglófona como Edgar Allan Poe, de quen verte o coñecido conto “O retrato oval”. Xunto a estes grandes nomes, outros de importantes ensaístas como Jean Epstein (responsable do clásico estudo La poésie d’aujourd’hui, que o rianxeiro traduce parcialmente) ou Albert Gleizes e Jean Metzinger (autores do ensaio programático Du cubisme, tamén aquí trasladado ao noso idioma).

Todas aquelas lectoras e lectores que teñen na mellor das estimanzas a poesía de Manuel Antonio farían ben en adquirir esta primeira entrega das súa Obra completa preparada por Xosé Luís Axeitos. Un novo continente textual emerxe con ela, agrandando aínda máis, se isto era posible, a figura incomparable dun dos nosos máis importantes escritores de toda a Historia da Literatura Galega: Manuel Antonio, poeta, si, mais, grazas ao que del agora sabemos, tamén prosista de tema literario, político e social e consumado tradutor de textos poéticos, narrativos e ensaísticos.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 13-5-2012]