Edén aldeán

Xavier Frías Conde, salmantino por nacemento, eonaviego por crianza e galego por expresión, asina o volume narrativo A aldea, unha das últimas entregas do selo Alcaián de Urco Editora.

Coñecido polos seus libros de versos (en solitario ou como parte do madrileño Grupo Bilbao) e mais as súas ficcións infantoxuvenís, nesta ocasión Frías Conde ensaia a narrativa para adultos cunha obra de inequívoca ambientación rural.

A aldea, como o seu propio nome indica, ten como verdadeiros protagonistas últimos os nosos eidos, neste caso concretados no lugar de Vilaboa, espazo literario que se corresponde co real de San Salvador de Valledor, biograficamente tan caro ao autor.

Servíndose de recursos estruturais de longa tradición (o tópico do manuscrito atopado) Frías Conde deseña un relato un tanto maniqueo, con labregos rousseaunianos e urbanitas estupidizados, unha sorte de gabanza da aldea e menosprezo da Corte que zumega inxenuo idealismo.

Polo libro adiante andan incrustados contos dunha candidez anecdótica manifesta (a historia dunha rapaza que mata moscas na cociña; un relato dunha señora que se alarma pola música alta do radiocasete dun rapaz veciño medio fumado; o sucedido dunha pomba que defeca en forma de monumentos famosos e outras imaxinacións deste calibre), textos que dan idea da meridiana altura e elaboración que alcanza a prosa de Frías Conde.

A aldea é un volume moi recomendable para os nostálxicos dun ruralismo decimonónico que non teñan lido a moderna tradición foleana ou o seu revival carlosreigosiano. Os que non se atopen nesa situación deberán tirar de ánimo curioso e baixo perfil de esixencia narratolóxica para rematar, con ben, unha lectura abondo sabida.