No centenario de Cunqueiro (e III)

Con esta terza entrega dou remate á serie de colaboracións coas que quixen rendir particular homenaxe a don Álvaro Cunqueiro por mor do seu centenario. Desta volta deixo os enlaces a dúas achegas videográficas.

O primeiro dos vídeos forma parte dunha serie de cinco capítulos que, baixo o título xeral de ‘Cunqueiro os días do fabulador’, dirixiu hai agora vinte anos o escritor e xornalista lucense Miguel Anxo Murado.

Por aquel tempo andaba eu investigando a hemerografía primeira de Cunqueiro e, con tal motivo, Murado convidárame xentilmente a participar na serie para falar da presenza do autor na prensa mindoniense. Corría o ano 1991 e servidor contaba 19 anos.

‘Cunqueiro os días do fabulador’ foi reposta ao longo dos pasados días pola TVG coincidindo coa efeméride natalicia do escritor. Deixo aquí o enlace ao capítulo no que tiven a fortuna de intervir (concretamente entre os minutos 2’25 e 3’45).

O segundo dos vídeos recupera unha emisión do magnífico programa Zig Zag presentado por María Solar, en concreto a correspondente ao pasado 22 de decembro, data do centenario do escritor. O programa dese día estivo dedicado, monograficamente, ao autor do Merlín e familia e nel tiven a honra de guiar un roteiro polos máis emblemáticos lugares mindonienses na vida e na obra de Cunqueiro que pode verse aquí (minutos 2’00 a 4,25).