Nos últimos tempos teñen sido varios os volumes nos que a literatura de noso foi vertida á lingua inglesa. Así sucedeu, poño por caso, coas amplas escolmas de Jonathan Dune (Anthology of Galician Literature, 2010) ou Antonio Raúl de Toro Santos (Breogán’s Lighthouse: An Anthology of Galician Literature, 2010). Nesta mesma liña, implementada coa achega de translacións gaélico-irlandesas, avanza To The Winds Our Sails, volume coordinado pola poeta Mary O’Donell e mais a profesora Manuela Palacios, que foi publicado pola prestixiosa editora insular Salmon Poetry.
O que O’Donell e Palacios propoñen fica ben definido no propio subtítulo da obra: Irish Writers Translate Galicia Poetry; é dicir, unha tradución de poesía galega realizada por escritoras irlandesas. E emprego o feminino deliberadamente, pois esta é unha tradución xenericamente marcada, onde as voces galegas antologadas foron mulleres e tamén as súas tradutoras se procuraron maioritariamente entre colegas das illas, nun intento de reivindicar a visibilidade da poesía de muller tanto na nación irlandesa coma na nosa propia.
Deste xeito, seleccionáronse de entre as poetas galegas vivas unha decena de nomes que representasen a pluralidade de xeracións e liñas de creación que na actualidade conviven no noso espazo literario. Así, xunto a veteranas de promocións precedentes como Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg e Xohana Torres, escolmáronse escritoras que se deron a coñecer principalmente a partir dos anos 80 do pasado século (Marilar Aleixandre, Ana Romaní e, un pouco máis tardiamente, Chus Pato e Luz Pichel) e, por remate, autoras que se revelaron ben andados os 90 e mesmo xa ultrapasado o milenio (María do Cebreiro, María Lado e Xiana Arias).
Non entrarei a xulgar a pertinencia da escolla nin dos textos nin das poetas, pois responde á preferencia das editoras e, nese sentido, a súa aposta autorial é tan válida coma calquera outra. Mais si quero chamar a atención sobre o entregado labor de apropiación poética e cultural levado a cabo por Nuala Ní Dhomhnaill, Anne Le Marquand Hartigan, Celia de Fréine, Mary O’Malley, Martin Nugent, Catherine Phil MacCarthy, Lorna Shaughnessy, Maurice Harmnon, Caitríona O’Reilly, Máighréad Medbh, Rita Kelly, Paddy Bushe e Minia Bongiorno García, quen co seu esforzo e dedicación conseguiron facer brillar nas súas linguas os versos das nosas creadoras.
Alén do exposto, To The Winds Our Sails conta con dous acaídos prólogos, cada un deles escrito por unha das editoras e pensados para o público inglés e/ou gaélico, de aí o seu carácter de síntese divulgativa tanto das relacións galegoirlandesas (O’Donell) coma da historia da poesía de mulleres feita en Galicia (Palacios), proemios que se completan cunhas moi informativas fichas bibliográficas tanto das poetas versionadas coma das súas tradutoras e editoras, moi pertinentes para dar a coñecer estas voces dun lado e do outro.
A irmandade antropolóxica, sociohistórica e cultural irlandesa e galega xustifica e mesmo aconsella achegas literarias como a presente, que é de xustiza agradecer aos esforzos de Mary O’Donell e Manuela Palacios, infatigables creadoras de pontes de unión entre ambas as dúas beiras, mais tamén a todas as poetas e tradutoras que fixeron posible esta meritoria antoloxía, unha proba máis de que a universalidade das nosas culturas se enriquece co mutuo coñecemento.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 16-10-2011]