Na escuridade permeable dos farois

Estamos a piques de rematar, equinoccialmente falando, o estío deste ano. Marcha o verán, pero non quixo fuxir espaventado sen deixarnos no bornal algún que outro agasallo de tinta que moito paga a pena salientar. É o caso do volume festivo A Ramallosa. Caligrafías de luz, coordinado por Aser Álvarez e elaborado en colaboración cos artistas Carlos Lorenzo (fotografía) e Baldo Ramos (poesía e pintura), aos que se sumou como canceleiro Xosé Luís Méndez Ferrín.

¿Que que teñen en común todos eles? Pois seren arraianos de pro, que quixeron homenaxear e aínda historiar a popular festa que os celanoveses celebran cada ano o sábado anterior ao primeiro domingo de agosto e que denominan, sonoramente, A Ramallosa, procesión laica na que a vila surourensá se engalana de comitivas que portan farois belamente ornados para alumear a noite coelerna do ceo estival.

Neste A Ramallosa. Caligrafías de luz —pulcramente editado pola Asociación Arraianos— Aser Álvarez insire un interesante ensaio no que dá conta da historia desta celebración, case centenaria, texto que moi ben se complementa co breve limiar de Méndez Ferrín, soaregos ambos os dous da sucesión de instantáneas grafadas que Lorenzo e Ramos crearon e que van entretecendo as páxinas deste libro en fecundo diálogo cos versos do poema “Caligrafías de luz”, do propio Ramos.

E velaí, por remate, dúas imaxes que non me deixarán mentir se afirmo que o ludus celanovés é o reino onde a escuridade se fai permeable aos farois.