Álvaro Cunqueiro por terras de Ortigueira

Unha vida literaria dá para moito. Ao longo dos anos un autor ou autora percorre ben vieiros, tanto no creativo coma, xaora, no intelectual. Non debe estrañar, pois, que as posicións ideolóxicas e/ou literarias poidan experimentar bandazos co pasar do tempo, porque os humanos somos, por definición, inconstantes e imprevisibles, e os escritores, nisto, non son unha especie á parte.

Tal semella que debeu ser o caso do este ano moi amentado Álvaro Cunqueiro, de quen andamos a celebrar o seu centenario de nacemento, cómpre dicir que con fortuna, á vista do non pequeno número de actividades e iniciativas que foron desenvolvéndose arredor da súa figura nos pasados meses.

Unha das últimas achegas a este comunal lembradoiro é o volume Álvaro Cunqueiro en Ortigueira, da autoría do profesor, poeta e narrador Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do mindoniense de traxectoria sobradamente recoñecida.

En Álvaro Cunqueiro en Ortigueira, publicado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co concello norcoruñés que o propio título anuncia, reúnense os artigos que o extraordinario escritor dera á luz durante a súa estancia naquela vila, á que marchara pouco despois do estourido da Guerra Civil e da que marcharía andando o ano 1938.

Neste tempo —e a petición do xefe local da Falanxe—, Cunqueiro pasou a dirixir o voceiro desta organización en Ortigueira, Era azul, onde figurou como redactor, aínda que a efectos prácticos o seu papel foi o de director, corrector, columnista e, en fin, verdadeiro factótum que, co nome propio, a través de siglas ou escondido tras curiosos pseudónimos, acabou por escribir case a totalidade da publicación.

O que Álvaro Cunqueiro en Ortigueira recolle son unha vintena daqueles artigos en castelán inseridos no semanario nacional-sindicalista, de ideoloxía marcadamente reaccionaria e profranquista, credo co que convivirá —e ao que mesmo por veces sorrirá— un Cunqueiro temeroso da súa delicada situación persoal no difícil contexto político e vital que se abrira coa sublevación militar, sobre todo á vista do seu decidido apoio á causa nacionalista galega nos anos previos.

Son, pois, estes de Era azul artigos que (re)producen unha visión da historia e a sociedade españolas do momento moi acorde á doutrina caudillista imperante entre os fascistas daquela hora, o que non evita (e de aí o seu interese) que descubramos neles un Cunqueiro literariamente brillante, se cadra máis barroco e manierista que noutros textos, pero sempre sorprendente no elaborado do período, no suxestivo das oportunas citas e no colorista fraseo con profusión retórica e adxectival.

Aos artigos de Era azul suma a presente edición tres achegas posteriores, todas elas de temática ortigueiresa, dadas a coñecer por Cunqueiro en La Voz de Ortigueira, onde foron aparecendo con motivo das festas patronais dos anos 1951, 1952 e 1953.

Oportuna e feliz recuperación este Álvaro Cunqueiro en Ortigueira pola que hai que felicitar tanto ao seu editor, Claudio Rodríguez Fer, como ás institucións que fixeron posible a impresión dun volume que nos devolve unha imaxe máis completa e humana do inmenso escritor que foi sempre —e baixo calquera condición— don Álvaro Cunqueiro Mora.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, 11-9-2011]

2 opinións sobre “Álvaro Cunqueiro por terras de Ortigueira

  1. Sinceramente, Armando, ao meu ver unha opinión brillante. A única pregunta que teño é que se tes idea de onde podemos conseguir un exemplar?

    Saúdos!

    Gústame

    • Estimada Xenia: graciñas polas túas obsequiosas palabras.

      Respecto da pregunta, coido que a distribución do fondo editorial do Consello da Cultura Galega -que é quen o edita- a leva Galaxia Distribuidora, así que, en principio, en calquera librería deberías poder dicirlle ao libreiro ou libreira que lle solicite o libro ao seu comercial de Galaxia.

      Outro modo que se me ocorre de conseguir o libro é solicitalo directamente ás entidades coeditoras: ou ben o propio Consello da Cultura ou ao Concello de Ortigueira, que tamén participou no patrocinio e seguro que conta con ben exemplares do libro.

      Agardo que as indicacións che sexan útiles. É un pracer terte por aquí. ¡Volve sempre que queiras! 🙂

      Gústame

Os comentarios están pechados.