Para asomarse á Xanela

A Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos, incansable dinamizadora da vida artística mariñá, tirou recentemente do prelo un novo número do seu voceiro A Xanela, que soborda co presente a trintena de números publicados.

Como “Revista cultural das Mariñas” que anuncia o seu subtítulo, tamén nesta entrega alternan nas súas páxinas traballos de todos os xéneros: poesía, narrativa e ensaio, que alternan coa banda deseñada e os espazos de información local.

Coordinada por Suso Torres, polas súas planas desfilan os versos deste e de Gabriela Rodríguez, Mario Marcos Pardo, Maria Virgínia Monteiro, Fernando Botto Semedo, Eduardo Olímpio e Cândido da Velha, amais das prosas de Manuel Fiaño Sánchez, Elena Veiga Rilo e Xulio Rozados e o humor gráfico de Sabela Arias e Víctor Tizón.

Canto aos artigos, estes abordan diversas disciplinas, que van dende a historia e o patrimonio (como os dedicados a San Vicente de Moruxo por X. M. Veiga Ferreira e Juan Sobrino Ceballos ou ao compositor Carlos López García por X. Torres) á mitoloxía (así a achega de Manuel B. Dans sobre o convívio de deuses e heroes na cultura celta), pasando pola etnografía e o folclore (sexa este de tema gaiteril, como no caso de Moncho de Orzán, ou feirego vinícola, como o escrito por Xoumiña) e mesmo o musical (velaí a panorámica sobre catro dos nosos intérpretes descrita por Xosé Luís Sobrino).

Particularmente, se tivese que salientar un só destes interesantes ensaios ficaría co traballo de Dionisio Pereira “Aníbal Otero e a Terra de Montes: Lingüística e represión franquista”, quen nunha breve pero moi documentada achega dá conta da relación do extraordinario filólogo da Ribeira de Piquín coas xentes daquelas terras coas que compartiu prisión como represaliado e que foron informantes seus en improvisados traballos lingüísticos e doutro xorne levados a cabo por Otero en terribles condicións.

Esta entrega da revista A Xanela complétase cunha breve reportaxe sobre Lois Pereiro, figura homenaxeada neste Día das Letras, do que se reproducen tamén algúns poemas.

Informativa, variada e de agradable presentación, A Xanela leva case vinte anos abrindo as súas contras á luz da escrita de noso, o que, tal como corren os tempos, non é pouco. Só por iso xa pagaría a pena a súa lectura.