O abismo animal de Diana Varela Puñal

A primeira vez que souben de Diana Varela Puñal foi por volta do 2006. Como mindoniense atento aos días e as horas da miña cidade, non me pasou inadvertido o seu Premio de Poesía Díaz Jácome para Novos Creadores pola escolma “Afirmación en nove cantos”.

Logo, apenas un par de anos máis tarde, o poeta Baldo Ramos, membro naquela ocasión do IV Premio de Poesía Uxío Novoneyra convocado polo Concello das Pontes, insistírame, coa lucidez crítica que o caracteriza, en que fixase a atención no poemario Fíos que Suso Pensado, Eduardo Estévez e mais el acababan de distinguir. Seguín o seu consello e mesmo puxen por escrito as miñas reflexións verbo daquel meritorio libro, mais, por razóns que agora non vén a conto explicar, finalmente non se fixo público o meu positivo parecer sobre os seus versos.

Por tanto, a recente aparición de Animal abismo —novamente da man de Espiral Maior, quen tamén dera ao prelo Fíos— dáme a oportunidade de facer xustiza á ascendente traxectoria desta escritora de Corme que moito merece salientarse.

Animal abismo é un poemario ternario. Hai nel un diáfano movemento de tese-antítese-síntese que se acompasa coa tríade de seccións das que se compón a obra: “Limbo”, “Delirio” e mais “Endimión”

“Limbo”, o capítulo cabezaleiro, reúne unha quincena de composicións nas que Varela Puñal deixa fluír unha voz muda, que descende ata os fondos abisais na procura do ser límbico, desa Alma animal ou Animal ánima que agochamos nos dedentros. É unha viaxe cósmica, regresiva, unha ascese silenciosa e desposuidora, un profundar nun non Tempo e un non Lugar anteriores á conciencia. E é aquí, teño de dicilo, onde están, a meu ver, os mellores versos da autora, nese mergullar espido cos “ollos abertos dentro do mar,/ auga por dentro/ materia que se desgrá,/ núcleo”. Ese mar que é “respiración que se presente,/ instinto,/ continuidade”, pélago ante o que a voz lírica “Peixe ancestral repta,/ busca refuxio/ na atmosfera esluída,/ resoa o mar/ no fondo das tempas.”, sempre o arkhé mariño, sempre “O eco do mar/ na orixe da conciencia”.

Veñen despois dúas ducias de poemas do “Delirio” que nos humaniza, textos que nos defrontan coas derrotas da Ánima, co desnortamento do Animal que somos, empeñado na devastación doutros seres, na aniquilación dunha Natureza na que non sabe recoñecerse, da que esqueceu que é fillo.

Por remate, “Endimión” é a benfadada Estrela Polar que nos redimirá das nosas miserias: o Amor como única resposta esperanzada a tanta iniquidade e tanto desvarío. Mais non un amor calquera, senón a paixón de Endimión, o pastor mitolóxico que bica Diana baixo o manto protector dos lueiros de Selene, pois moita e moi ben posprocesada mitoloxía hai nos versos de Varela Puñal —e tamén moita poesía do 27 e moito Juan Ramón e moito poeta galego dos 90 e primeiros dousmil e moita clásica dicción kavafisiana e… —, que enferra aquí nun neorromanticismo de novo selo ben xenuíno e singular.

Cómpre volver á Ánima, deixar que fale en nós o Animal que nos habita, escoitar estourar nas tempas o latexo de Xea e aprehender do cántico vitalista de Diana Varela Puñal que hai futuro se hai Endimión. “Aínda na escuridade,/ a intuición da beleza”.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, 6-3-2011]